…Só así, tendo conciencia da nosa personalidade verdadeira, poderemos seguir sendo un pobo. De non termos esa conciencia, quedaremos reducidos á simple condición de país habitado. Galicia é unha realidade dobre: por unha banda, é unha realidade xeográfica; por outra banda, é unha realidade humana. Ou sexa, un país e un pobo; unha terra e unha cultura. Como país, é un espazo xeográfico do Noroeste peninsular; como pobo, é unha comunidade humana con personalidade cultural propia. Se a personalidade peculiar de Galicia como país se reflicte na súa paisaxe, a personalidade peculiar de Galicia como pobo reflíctese na súa cultura. Paisaxe e cultura son a face externa e a face interna da realidade total de Galicia.
"Filosofía da Saudade "
Letras Galegas (2009)
Sem comentários:
Enviar um comentário