Este artigo está metido no libro "Poema Río Gafos".
"O río que os de Salcedo chamamos “Tomeza” e os da vila chaman “dos Gafos”, “de Campolongo”, “Gorgullón” e moitos nomes máis, foi testemuño privilexiado e actor dun dos episodios máis sanguentos da nosa historia recente, refírome á Guerra da Independencia e ás loitas guerrilleiras que en torno á nosa vila tiveron lugar hai apenas douscentos anos. Pero vaiamos por partes.
"O río que os de Salcedo chamamos “Tomeza” e os da vila chaman “dos Gafos”, “de Campolongo”, “Gorgullón” e moitos nomes máis, foi testemuño privilexiado e actor dun dos episodios máis sanguentos da nosa historia recente, refírome á Guerra da Independencia e ás loitas guerrilleiras que en torno á nosa vila tiveron lugar hai apenas douscentos anos. Pero vaiamos por partes.
En xaneiro de 1809 as tropas francesas entran en
Galicia. Coa batalla de Elviña —16 de xaneiro— ábrese o
tempo de loitas, resistencia, guerrilla e fustrigamento constante ao
que os franceses foron sometidos nos poucos meses que estiveron no
noso territorio. O 21 de xaneiro os franceses preséntanse en
Pontevedra, establécense na nosa cidade e comezan as extorsións e
as requisas de alimentos nas aldeas veciñas. Co obxecto de controlar
o territorio, os franceses despregan destacamentos na contorna de
Pontevedra: na Serra da Fracha, entre as parroquias de Santa María
de Tourón, San Martiño de Xustáns e Santiago de Taboadelo, na
reitoral de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio.
Pouco tempo fixo falla para que o pobo comezase a
organizarse contra o invasor e contra os seus roubos e abusos. A
primeira mostra de desobediencia dos nosos paisanos fronte ao invasor
foi negarse a cumprir a orde de entregar as armas de fogo e
negarse tamén a entregarlles alimentos ás tropas ocupantes. O 19 de
febreiro o tenso clima estoupa e os veciños de Cotobade levántanse
en armas contra o destacamento galo que ocupa a reitoral de San Xurxo
de Sacos. Os franceses intentan vingarse pero espállase rapidamente
o exemplo e os levantamentos e a formación de alarmas
—grupos de guerrilleiros resistentes que loitan contra os
franceses—corren como a pólvora. Nos seguintes días os veciños
de Montes, Quireza, Baños de Cuntis, Campo e Fragas, Peñaflor,
Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas, Marín e
toda a península do Morrazo collen as armas contra o exército
galo.
As autoridades locais coa axuda das alarmas e dos
guerrilleiros optan pór cerco a Pontevedra coa intención de
liberala do xugo francés. Os xefes das alarmas de Cotobade, Montes e
Caldevergazo deciden atacar, conxuntamente coas do Morrazo, a
guarnición francesa de Pontevedra o 28 de febreiro. Os franceses,
auxiliados polas tropas que xa ían camiño de Tui e que deron
volta, conseguen repeler o ataque causando trinta e nove baixas
entre os heroicos guerrilleiros que se ven obrigados a retirarse
momentaneamente. Así se daba conta do sucedido naqueles tempos de
guerra:
Con el ánimo decidido de vengarse, y
acabar con tal canallada, al instante se formó un cerco, a saber:
por el levante, desde la altura de la Canicouba a la de Berducido y
Portela; por el poniente desde la Barca de Poyo, hasta las
inmediaciones de Curro; y por el mediodía desde Marín de arriba
hasta Campolongo.
Tras o intento falido de tomar Pontevedra, as
partidas do Morrazo teñen que retirarse aos montes de Salcedo e
Lourizán e establecen alí postos de vixilancia para avisar a todo o
Morrazo en caso de ataque dos franceses. E así, apostados nos
nosos cumios e fornecidos de municións polas fragatas inglesas Venus
e Libeli, atracadas no porto de Marín, organizan a reconquista da
vila de Pontevedra.
O cinco de marzo os guerrilleiros das parroquias de
Salcedo e Lourizán e as alarmas do Morrazo volven atacar Pontevedra
ao mesmo tempo que o facían, pola ponte do Burgo e cara á porta de
Santa Clara, as alarmas de Cotobade, Caldevergazo, Mourente e Marcón.
Os do Morrazo, ao mando de don Juan de Gago, abandonan o seu acubillo
nos montes onde estaban acampados, baixan polo val de Salcedo e tras
cruzaren o río de Campolongo entran polo Campo de San Xosé e
chegan ata a mesmísima porta de Trabancas, na muralla da vila, onde
son repelidos polos franceses que, acuartelados no convento de San
Francisco, emprenden a súa persecución causando moitas baixas entre
os guerrilleiros.
Durante catro horas mantense o fogo entre ambos os
bandos ata que os do Morrazo, esgotadas xa todas as municións, teñen
que repregarse de novo ás súas bases nos montes de Salcedo e
Lourizán. Os franceses, en represalia polo feroz combate, ocupan
Campolongo, asasinan a todos os veciños que non puideron fuxir e
queiman as casas de San Xosé. González Zúñiga na súa Historia
de Pontevedra (1846) narraba así o heroico episodio e a
intensidade da batalla, aínda fresca na memoria colectiva:
D. Juan Gago [...] i su segundo D. Manuel
Alarcón, abanzan con sus guerrillas hasta el campo de San José.
Atacados en este punto los paisanos por una columna francesa que
saliera por la puerta de la Peregrina, matándole al comandante de
esta la yegua que montaba, se replegan sobre el lugar de Campo-longo
á donde tenían su cuartel general. Los franceses atraviesan
entonces el puente de la Tablada i dejándose caer sobre el
Campo-longo los paisanos parapetados con los muros ó ballados de la
heredades, desde allí les hacen un horroroso fuego. Despues de dos
horas de combate i vertido por una i otra parte mucha sangre,
venciendo la disciplina i la tactica, á la fuerza numérica, los
paisanos se retiran á los montes de donde habían descendido,
volviendo á ocupar sus antiguas posiciones. Dueño el enemigo del
campo de batalla, casi todas las casas del lugar de Campo-longo,
despues de haber asesinado algunos enfermos que las habitaban por no
haber podido abandonarlas, todas ellas fueron incendiadas,
reduciendolas á cenizas la voracidad de las llamas.
Non foi esta a única batalla da que foi testemuña
o río Tomeza. O día 6 de marzo a alarma de Laxinde ataca dende os
montes de San Cibrán unha columna francesa que procedente de
Santiago ía dirección a Tui seguindo o camiño que discorría —onte
coma hoxe— á beira do río. Ese mesmo día outra columna
procedente de Vigo é atacada á altura do Gorgullón. O combate é
de tal intensidade que os franceses vense obrigados a utilizar a
artillería para librar o camiño e facerse paso ata o interior
amurallado da vila. Pero non acaba aquí a historia.
A finais de marzo a guarnición francesa acantonada
en Pontevedra vese na obriga de retirarse, quedando a cidade liberada
pero a principios de abril volve ser tomada pola columna francesa do
xeneral Maucunne. Tras a reconquista de Vigo o mariscal Ney, temendo
perder tamén Tui, mandou unha columna de tres mil homes e algunha
cabalería ao mando do xeneral Maucunne que saíndo de Santiago e
pasando por Pontevedra debía dar auxilio aos soldados franceses
sitiados na vila de Tui. A columna francesa chegou a Pontevedra na
mañanciña do día 12 de abril, non sen ter que baterse no seu
traxecto coas alarmas de guerrilleiros que rodeaban a cidade. Os
guerrilleiros do Morrazo, apostados nos nosos montes e baixo o mando
do citado don Juan Gago —antigo corsario de Marín—, emprenden o
ataque a Pontevedra chegando, por momentos, a entrar na cidade. Os
homes de Juan Gago mantiveron un intenso combate contra os
franceses no barrio de Campolongo, parapetados na Ponte Bolera e no
Campo de San Xosé ata que se ven na necesidade de repregárense aos
montes de Salcedo. As tropas francesas sedentas de vinganza saquean
casas e matan varios veciños de Campolongo e de San Blas. Así nolo
contaba Pardo de Andrade:
Cargaron hacia aquel punto tanto sus fuerzas que
se vieron obligados a esparcirse, quedando de nuestra parte seis
muertos, tres de la de ellos con algunos heridos, y un caballo, por
el que exigieron cien duros a este ayuntamiento. En seguida
desahogaron su rabia, quemando cuatro casas en el mismo lugar de
Campolongo, matando a un pobre enfermo, una mujer de esta villa, y
otros inermes.
No obstante la conveniente dispersión de los
paisanos de Morrazo, los vecinos de Salcedo, apostados en diferentes
puntos, mantuvieron el fuego toda aquella tarde, siendo muy de notar
y alabar el valor y celo de los Presbíteros D. Manuel Acuña Conde,
y D. José María Pardal, que acompañados de unos mozos de la
parroquia, sostuvieron un fuego vivísimo por espacio de tres horas
en el puente que llamán Bolera, o de Sucado, contra una compañía
de franceses, que no pudiendo adelantar un paso retrocedieron al
pueblo, bien diezmados y avergonzados.
Once guerrilleiros morrerían aquela tarde de
combate entre os veciños de Salcedo e O Morrazo e o exército
francés.
Mentres estes sucesos acontecían no treito que o
río percorre entre a Ponte da Taboada e o Gorgullón, na súa
desembocadura, alí onde o río toma o nome do antigo sanatorio de
leprosos —O Gafos—, as augas do río dos mil nomes
presenciaban outro episodio da nosa particular Guerra de
Independencia.
O xornal El Patriota Compostelano, no seu
número 61 do 14 de setembro de 1809 recollía a seguinte crónica:
El trece de abril [posiblemente el doce]
subieron lanchas cañoneras hasta Mollabao, a tiempo que
los enemigos ocupaban Campolongo y San Roque: rompieron el fuego las
cañoneras, al que correspondieron los enemigos: al cabo de cuatro
horas y despues de haber desmontado un cañón enemigo, cesó el
fuego de las cañonreas, a las que la marea no permitió subsistir
allí por más tiempo, inmediatamente entraron partidas de
guerrilleros de los paisanos de marín e hicieron retroceder a los
enemigos hasta campo de San José donde estaba el grueso de su
ejército.
O día trece, xa de madrugada, a columna francesa
abandona Pontevedra e continúa a súa marcha cara a Tui pero en
Ponte Sampaio agardábaa o coronel Morillo con dous mil homes armados
con chuzos e paus e cento cincuenta con armas de fogo. Mais esa xa é
outra batalla.
Hoxe en día, agás os historiadores e algúns
estudosos do tema, son poucos os veciños de Pontevedra que coñecen
a crónica daqueles días de loita heroica e do que nas marxes do río
Gafos aconteceu. Agora, cando xa hai moito tempo que calaron as armas
e os berros, cando o cheiro da pólvora se esvaeceu no ar da historia
e o sangue dos mártires foi lavado polas augas do río que os
viu morrer, quizais sexa o momento de achegarse a carón do Río de
Campolongo —tan tapado e esquecido como os feitos dos que foi
testemuña— e, arremedando o célebre sabio Siddharta de Herann
Hesse, sentar nas súas beiras e deixar que a voz sabia e
anterga da auga nos volva contar a historia daqueles homes e mulleres
valentes que un día decidiron xogarse todo o que tiñan, incluso a
vida, por defenderen o que crían xusto…aínda que fose para
devolverlle o trono a un rei máis cruel e absolutista aínda que
aqueles contra os que loitaron. Pero xa se sabe, aos galegos sempre
nos gustaron os ditadores e o viño feito na casa."
Texto de Rafa Quintiá. Ver artigo no seu blogue.
Texto de Rafa Quintiá. Ver artigo no seu blogue.
Sem comentários:
Enviar um comentário