11/02/2013

O Cerco Real e as Touradas ou Corridas de Arroases


Nos tempos de gloria da pesca na Moureira, cando a sardiña era o tesouro ou pan da cidade, había entre outros, unha arte de pesca que se chamaba o cerco real. Onde se podían coller, nun bo lance , millóns de sardiñas). O cerco real parece remontarse na súa orixe ao século XIII, aínda que non é ata o século XV cando aparece ben documentada a súa existencia. Trátase dunha rede de propiedade colectiva, en cuxa furnición ou montaxe tiña que ver o gremio de mariñeiros, polas súas grandes dimensións. O cerco real foi o aparello insignia das confrarías de mareantes no século XVI. Representou para a pesca –e posterior salgadura e comercialización da sardiña neste século o que representará, no século XVIII, a xábega para as empresas salgadeiras e, no século XX, o cerco de jareta para as fábricas de conservas. Podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que o cerco real identifica, pois, un determinado período da historia pesqueira de Galicia. A súa lonxitude era considerable. Agora ben, non había un tamaño estándar. Dependía das achegas de panos por parte dos socios. Todo fai indicar que o seu tamaño foi aumentando coa súa importancia económica, ao longo do século XVI, segundo ten documentado Xosé M. Pereira (2000: 734). Estímase que chegou a acadar 1.750 brazas de longo (algo máis de tres quilómetros e medio). Compoñíase de cope (150 brazas) e bandas (1.600 brazas). A estas uníanselles unhas cordas (betas) de 1.500 brazas, que tiñan como finalidade permitilo arrastre desde as praias. A súa altura era dunhas 24 brazas. A envergadura do aparello esixía un elevado número de homes e de barcos, e unha organización en forma de compañía. Boa parte do mariñeiros do porto principal –xeralmente os que posuían maiores recursos– eran asociados. O seu número variaba entre os 70 e os  170.  Cada un achegaba, como mínimo, un pano de rede (quiñón) para formalo cerco. Entre eles elixían a dous atalaieiros, que actuaban como máximos responsables da compañía e dirixían a actividade pesqueira propiamente dita. Resultaban ser normalmente os maiores accionistas, xa que subministraban o maior número de quiñóns de rede, o galeón ou trincado –que era o barco principal do cerco–, e incluso os fondos necesarios para afronta-los primeiros gastos de cada campaña. Polo tanto, no cerco os produtores e os propietarios dos medios de produción eran case que os mesmos, malia que non todos posuían en igual proporción. A campaña pesqueira adoitaba durar desde mediados de setembro a fins de decembro. Existía unha relación entre o período de pesca da sardiña e o seu principal destino económico: a salgadura. Durante estes meses aquela perdera parte da súa graxa, o que facilitaba a súa transformación e conservación. A carne deste peixe é “sustanciosa, y crasa, especialmente en Julio, Agosto y Septiembre; por cuya razón no es tan buena para salar como en Octubre, y Noviembre, pues hallándose entonces dura, sufre la prensa, sin riesgo de reventar, que la perjudica”, segundo explicaba Cornide (1774: 10). O número de barcos que participaban nesta pesca oscilaba desde os doce aos dezaoito. O principal era o trincado, encargado de trans porta-la rede, os materiais para a posible reparación daquela e as provisións dos homes. O resto da flotiña compoñíana un ou dous barcos, seis ou oito pinazas e de catro a seis pirlos. A pesquería duraba desde o luns ata a tarde do venres. Gardábase regularmente o descanso dominical. A pesca capturada durante eses días era trasladada ao porto polos barcos e as pinazas. O seu destino era a venda para o fresco ou a salgadura, realizada nas bodegas das propias vivendas dos mariñeiros, ou nalgunha dependencia específica para este cometido. De feito, os cercos orixinaban o maior consumo de sal, derivado das súas maiores capturas; de aí o interese da Coroa por privilexiar esta arte de pesca, fonte de ingresos fiscais facilmente recadables. 

A faena da pesca do cerco non carecía de perigos. Un moi frecuente a dos arroases que perseguían a rede e en especial a copeada, sin importarlle demasiado o apaleamento da auga polos mariñeiros, para tragar as sardiñas enmalladas. Ás veces rompían a rede provocando a fuxida de unha parte importante da pesca se esta non era percibida con rapidez. Os mariñeiros soían defenderse deles arponeándoos dende as barcas, costume esta que quizá explique as “Touradas ou corridas de golfiños” que ata comenzos do séculos XX se celebraba anualmente (Festas da Peregrina) no tramo da ría comprendido entre a ponte do Burgo e as Corbaceiras. Outro dos perigos eran os temporais, que podían desviar os aparellos na dirección non prevista e engancharse e rompéndose nas rochas.

Ler máis en Historia da Pesca na Galiza.

Sem comentários:

Enviar um comentário