24/10/2012

A Razón de Galicia Bilingüe

 Unha carta ó director do Faro de Vigo, de Ana Martínez Piñeiro

"Veño de ler neste xornal un artigo segundo o cal Galicia Bilingüe denuncia a imposibilidade de vivir en castelán nos colexios galegos.
Escribo esta carta para amosar o meu total apoio a esa teoría. Eu aínda diría máis, vivimos nun país no que é imposible vivir en castelán.
Voulles contar a miña historia. Teño dous fillos aos que sempre falei en castelán. E así falaban eles, ata que comezaron a ir ao colexio público. Con tres anos abandonaron totalmente a súa lingua materna, e agora só falan galego. Só len en galego. Só escriben en galego. Viven nun mundo tan altamente galeguizado que me miran con extrañeza porque falo castelán, e incluso me preguntan por que non son coma todo o mundo, por que non falo en galego. Pero se fosen só as mestras... Os compañeiros e compañeiras, os seus pais e nais, as profesoras das actividades extraescolares... pero tamén as caixeiras do supermercado, os carteis de todos os comercios vaiamos onde vaiamos, a pediatra, o persoal do banco, a fisioterapeuta, todo o mundo que nos rodea fala en galego. Os impresos do Sergas, os recibos dos bancos, as propagandas de fontaneiros, mesmo os xornais, este mesmo, no que, de 76 páxinas, non puiden atopar nin unha soa noticia en castelán!!! Por non falar dos debuxos animados, por máis que busco, só nunha canle botan programas infantís en castelán.
É certo: nesta cidade na que vivo non hai xeito de facer unha vida normal en castelán. As persoas castelán-falantes estamos totalmente discriminadas e temos que chegar a facer xuntanzas especiais nos parques para que os nosos fillos poidan escoitar falar castelán con normalidade. Eu mesma non sei por que estou a escribir en galego. Será que á fin conseguiron adoutrinarme sen eu querelo.
Un saúdo e forza a todas as persoas que, coma min, se senten estranxeiras no seu país por mor de usar a súa lingua."

Sem comentários:

Enviar um comentário