04/12/2014

Vagalumes na escuridade

Un conto de animación á lectura. Dicir que os vagalumes teñen moitas formas de chamarse, aquí atoparás unhas cantas.
"Cada vez que meu irmán e eu liamos un bo libro, acendíase no noso xardín unha luciña: a luz dun vagalume. E como aos dous nos enchía de ledicia a lectura, en pouco tempo o noso xardín veuse asolagado de pequenas luces douradas. Era un auténtico tecido vivente e mesto – cada talo de herba trocado nunha pequena lapa de lume- o que nos facía moita compañía nas tardiñas e solpores de inverno. Nin meu irmán nin eu tiñamos a mínima sospeita de que, durante as horas que gozabamos da nosa lectura, se desenvolvese moi preto de nós unha auténtica loita. Endexamais se nos pasou pola imaxinación que os nosos *lucecús, empregando as súas lufadas de luz como únicas armas , estivesen empeñadas en loitar contra a escuridade, que de sempre ameaza con afundir ao mundo. Primeiro os nosos veciños e axiña o resto dos habitantes da aldea comezaron a amosar estrañeza e a preguntarse por qué tódolos *cagalumes preferían pasar a noite no noso xardín, deixando na escuridade ao resto da aldea. Por fin, un día, meu irmán reveloulles o noso segredo : - Somos nós os que atraemos as *lucernas ao noso xardín -dixo- . Facémolo grazas ós libros que lemos. A continuación expliqueille: - Todo bo libro é un *luceiro que alumea na escuridade e endexamais se apaga. Os nosos veciños prestaron atención as nosas palabras e comezaron tamén eles a buscar bos libros. De alí a pouco tempo, xa se formaba cola para entrar nas bibliotecas da aldea. Vellos e mozos, homes e mulleres pedían libros. Comezara a hora marabillosa da lectura. E mira ti por onde, os xardíns anegáronse de *vellas das papas . Balcóns, corredores e tellados estaban cheos de pequenas luces. As follas das árbores, as liñas das estradas eran brillantes. A torre da igrexa escintilaba na escuridade. E entón .... Entón a constelación do libro descolgouse do ceo e pousou silandeiramente na praza da nosa aldea. Era unha agradable constelación , formada por luces delicadas, trémulas, que invitaban aos *vermes da noite. Descendían como tódalas cousas de valor eterno: o amor, a bondade, a identidade, a liberdade, a beleza, a tenrura, a xustiza, e a outros tantos valores que engaden profundidade ás nosas vidas e dan un significado ao noso atropelado paso a través do planeta. Meu irmán e eu seguiamos sendo entusiastas dos libros. A lectura gustábanos con tolería. Teriamos razón? Que pensa a xente? Sobre todo, que pensas ti?"
Vocabulario:
Asolagado, anegado: Inundado. . Escintilaba: Emitir intermitentemente raios de luz. Silandeiramente: Silenciosamente Lufada: Golpe de vento. Trémulas: Indecisas, con medo. Mesto: Basto, espeso.
Outros sinónimos:
* Corcoño, * Vella do caldo, * Coroceiro, * Vella dos valados

Sem comentários:

Enviar um comentário