04/12/2014

Por que os corvos son negros?

Na bitácora do escritor Xesús Constela atopei esta curiosa lenda "O Espantallo". Unha fermosa historia de soidade (o espantallo), intransixencia (a xente do pobo) e tamén solidariedade (os corvos). Tamén saberás, por que os corvos son negros.
A lenda
Conta a lenda que unha tarde fría, nun campo, un espantallo vía como os corvos voaban e paraban só para intentar comer o millo do sementado. Un día, o noso protagonista decidiu cambiar radicalmente a súa vida, ser amigo dos paxaros, e foi entón amabel con eles...pero os paxaros saían fuxindo, asustados polo monigote. Nese momento, o espantallo tivo unha idea: colleu sementes e ofreceullelas ás aves, pero aínda así, estas, afastábanse máis e máis. Pouco despois, caeu un paxaro enfermo ao chan; o espantallo foi a axudalo ata que se recuperou. O espantallo preguntou ao paxaro: -Por que foxen todos de min? -Suponse que nos tes que asustar para que non comamos as vosas colleitas -respondeu o paxaro un pouco abraiado. -Pero eu non quero asustarvos-dixo o espantallo-só quero ser o voso amigo. O paxaro curado marchou sen contestar. Esa noite, o espantador de paxaros, decidiu ir á casa do seu amo para dicirlle que non quería facer máis este traballo; ao entrar no cuarto onde durmía, este saíu correndo asustado. O home foi a chamar aos veciños dicindo que o seu espantallo estaba vivo e que intentaba asasinalo e entón os aldeáns foron a buscalo. O espantallo, asustado, correu e correu ata refuxiarse nun dos muíños do campo. Prendido polos fachos dos homes do pobo, o muíño empezou a arder. O pobre espantallo non tiña escapatoria. O paxaro xa contara aos seus compañeiros quen lle salvou a vida, rescatándoo dunha morte segura. Ante a acción dos humanos, os corvos decidiron axudar ao noso asediado amigo...pero xa era tarde pois fora consumido polas chamas; as negras aves recolleron as cinzas e botáronas ao aire para que o espírito do seu amigo puidese voar cos paxaros. Dende ese fatídico día os corvos gardan loito polo espantallo, por iso os corvos son agora negros

Sem comentários:

Enviar um comentário