03/01/2013

Artes de Pesca na Moureira



Clicando na imaxe podes ver mellor unha entallada. (Máis sobre as entalladas).

As artes pesqueiras da Moureira aparecen documentadas por primeira vez nos "Fueros Romanceados de Pontevedra", foros de mediados do século XIII. Cítanse os "vallos" e os "trasmallos".
O Vallo non é unha arte senón unha maneira de pescar golpeando o mar para dirixir o cardume cara a rede (cardume: grupo grande de peixes da mesma especie que viven ou se desprazan xuntos).
 
O trasmallo chámase porque era unha rede triple, de tres lenzos que se ataba pola parte inferior e superior. O pano  central era de malla máis mesta que a dos extremos. Deixábase pousa no fondo do mar.

Outras son:

As sacadas son as redes máis pequenas que se cobraban dende terra ou dende unha embarcación. Chámanse tamén rapetas, traíñas ou sisgas. Eran de forma rectangular, con varios panos e bolsa central.

O Xeito foi a arte aparecida no século XV que tivo máis éxito. Consistía nunha rede rectangular formada por varios panos, que se lanzaba dende a embarcación  e non quedaba estática no fondo senón que se mantiña a flote, era unha rede á deriva. Tratábase de formar unha barreira aos bancos de sardiña. Despois recollíase dende  a lancha xeiteira.

Por último está o grande "cerco real", a arte máis antiga, usada sobre todo na Idade Media ata o século XVI. A lonxitude da arte era enorme, podía chegar ata os 10 km. Participaban na pesca moitos barcos, e cada un cedía os seus panos de rede ata que todos quedaban unidos. A participación no reparto dependía da lonxitude da rede de cada un.  No século XVI había na Moureira catorce cercos e catorce trincados ou galeóns. A sardiña entraba na ría dende o mes de xuño ata decembro ( novembro e decembro eran os mellores). A do verán tiña demasiada graxa para ser salgada. Esta era boa para o saín.

A documentación foi sacada do libros de Rafael Fontoira Surís ( A vella Moureira e Pontevedra Monumental).

Ver maís artes de pesca (río ghafos).


Sem comentários:

Enviar um comentário