04/12/2014

O verbo

Un conto de Manuel Lugrís Freire.
O VERBO
Nos tempos en que Zoroastro recibía no ceo do deus Ormuzd “a palabra de vida”, - seis mil anos denantes do nacemento do noso señor Xesucristo, - había unha comarca fermosa e farturenta, nomeada Anthorque, que lindaba coas augas do mar Caspio. En ningures, non sendo no occidente da Iberia, podía acharse terra máis deleitosa. As saudades polos eidos nativos comezaron a xurdir nas almas dos anthorqueses, que vagaban polo paraiso dos persas. - Señor- , dixéronlle unha vez á Ormuzd, - O ceo que nos donástedes non pode ser mellor; mais nós temos lembranzas feridoras pola doce e doada terra de Anthorque. Por que, oh Deus, non nos facedes a mercede de axeitar un curruncho deste ceo de maneira que teña os arboredos vizosos, as campiñas ridentes, as augas espellantes e quedas daquelas meigas terras nas que quedaron os nosos corpos mortais? E Ormuzd víu que aquelo era bo. Mandou chamar ao arquitecto celeste, e fixo un ceo aparte para os anthorqueses. -Oh, meu Deus Ormuzd, - díxolle o porteiro maior; - podente é a vosa vontade, que comprida será. Mais polo que me toca a min, terei unha grave dificultade. Como ese lugar é tan feiticeiro, tódalas almas que entren cobizarano. De que xeito hei de compoñerme para que non entren nel máis que as almas dos anthorqueses? E Ormuzd respondeulle: - Un sinal divino teñen as almas: o verbo, palabra de vida que existía antes da auga, do ceo, da terra e tódolos animais. El distingue as criaturas.Quen non fale o anthorqués non entrará no paraiso. Quedou convencido o porteiro. Un día petaron na porta do ceo. - Quen chama? - Un anthorqués que quere entrar na parte do ceo que lle corresponde. - Ti non es anthorqués porque falas o zendo. - Eu nacín en Anthorque. - Pois fala entón na túa lingua. - Non a aprendín porque era fala de sudras. - Pois daquela non entrarás. O sinal divino do verbo nativo non brilla no teu espíritu. - E a onde teño que ir entón? - Ao inferno, que no ceo non poden ser admitidos os desleigados que faltan á lei de Ormuzd.
ASIEUMEDRE

Sem comentários:

Enviar um comentário