02/01/2016

Mosaico con boas palabras

Mosaico do Museo Británico cunhas palabras importantes na vida:

HYGÍA significa saúde, e derivou en hixiene

ZOÉ quere dicir vida, e de aí o nome propio de Zoe. A palabra está relacionada con ZOON ser vivo, animal, e de aí protozoo, zooloxía, zoolatría ...

CHARÁ significa alegría, encanto. As persoas que o teñen dicimos que teñen carisma, e de aí vén o nome do sacramento cristián da eucaristía ou boa graza.

EIRÉNE quere dicir paz, e de aí resultan o nome propio Irene e o irenismo, que é o termo para referirse á doutrina que preconiza un pacifismo sen concesións.

EUTHYMÍA significa bo ánimo. Temos o nome propio xa obsoleto de Eutimio, que significaría etimológicamente de bo humor. Do prefixo eu-, bo, conservamos moitos derivados como eufemismo, eufonía, euforia, eugenesia, eutanasia, e mesmo evanxeo, máis os nomes propios Eugenio e Eusebio. De timio ánimo, temos ciclotimia, que é unha psicose maníaco-depresiva que recorre cíclicamente, e lipotimia que é a perda súbita e pasaxeira do sentido e do movemento; o prefixo lipo-, que indica abandono, procede do verbo LEIPO, que significa "deixar".

ELPÍS quere dicir esperanza, e desta palabra só coñezo o nome propio, xa desusado, de Elpidio.


Sem comentários:

Enviar um comentário