03/01/2015

Carta das ANPAS ó Sr. Conselleiro

ANPAS GALEGAS:   Rematamos un ano, o 2014, que foi para a Confederación de ANPAS GALEGAS o noso primeiro ano completo de andaina; e quizais sería ben facer unha listaxe de logros e preocupacións, debullar o ano case rematado botando unha ollada a tanto traballo feito, a tanto esforzo dedicado ao ensino público, a tanto cariño directa e indirectamente entregado aos máis novos para que medren nun mundo mellor, construído tamén por eles mesmos. Mais pensamos que este ano que remata non merece tanta lembranza, nin é apetecíbel facer con el ningún balance; este ano perdemos profesores e finanzamento; quedamos con menos especialistas para incluír á diversidade nas vidas de tod@s; comezamos un curso novo cunha lei nova que ninguén coñecía e para a que ninguén estaba preparado; pelexamos para non cambiar os libros de texto, para non nos ter que afogar mercando material inútil e innecesario; perdemos presenza na comunidade escolar, nós e todos, en beneficio dunha figura creada para ser un valido da administración antes que un director para a comunidade educativa; tivemos que ver cómo se discriminaba a colectivos completos na entrega de axudas para a adquisición de libros de texto; e como se repetía esa discriminación no que este goberno deu en chamar “educación dixital”, consolidando a súa propia tendencia: a de fabricar colexios de primeira, de segunda, e “de última”, coma se os nenos fosen diferentes ou culpábeis por nacer ou vivir nun lugar ou noutro. E niso pasamos o ano, en tentar conter a abafadora deriva de abandono e desmantelamento na que nos meteron os actuais administradores da educación; e algo conseguimos, mais non abonda, e imos continuar reclamando, pelexando e denunciando. Porque temos un goberno que non cre na educación pública; que equipara a xestión pública coa comercial utilizando criterios de custe e beneficio; que pensa que o gasto educativo non é prioritario, sendo que o é por dereito e por intelixencia investidora; que carece dun proxecto educativo organizado e dunha programación planificadora de futuro. Porque temos un goberno que abandona todas as súas responsabilidades en terceiros, sexan os equipos directivos dos centros, e aí están as referencias indeterminadas ao que decidan en temas de convivencia ou de deberes escolares; sexa na procura de financiamentos ligados a programas e proxectos que deberían ser para todos se son positivos, ou para ninguén se non o son; sexa na indiscutíbel participación das familias na vida escolar, que queda abandonada ao interese dos actores específicos de cada centro; ou sexa, recente e moi tristemente, na salvagarda da nosa lingua que tamén queda ao criterio indeterminado da cidadanía porque eles, de novo tampouco, non son responsábeis. Porque temos ese goberno, nós, ás familias, conformadas de mil xeitos e maneiras pero unidas nun punto único de acordo indiscutíbel: o interese polos nosos fillos e fillas; nós imos seguir dicindo que o ensino ten que ser público, para ser para todos e todas; que ten que ser laico, para atinxirnos a todas e todos; que ten que ser inclusivo, porque os nosos fillos e fillas precisan convivir con todas as realidades para aprenderen de todas elas; que ten que ser GALEGO, porque so se pode aprender dende a seguranza que outorga o coñecemento do propio; e que o lugar das familias é todo aquel onde se tomen decisións, grandes e pequenas, que afecten aos nosos fillos e fillas e, por extensión, a toda a sociedade. Por iso queremos felicitarlle o novo ano ao sr conselleiro, e tamén ao sr. Presidente da Xunta, e transmitirlles os nosos mellores desexos para o futuro ano que agora xa mesmo comeza; quereriamos que nese novo ano lles aparecera a capacidade de comprender que todos os nenos e nenas son iguais, que non se diferencian por nacer ou vivir no medio dunha cidade ou no medio dun monte, que non se distinguen por ter unha saúde de ferro ou unha necesidade específica, que non son nenos distintos por nacer en familias distintas, ou porque esas familias teñan máis ou menos diñeiro, máis ou menos posición social, máis ou menos nivel cultural. E esa afirmación de igualdade non a facemos dende a falsa bondade, nin ignorando que supón o tratamento consciente e nivelador das desigualdades iniciais, non soltamos tópicos coa idea de facer frases bonitas acaídas a estas datas. A igualdade que pregoamos é a meta á que tendemos dende sempre como individuos, podemos chamarlle evolución, modernidade, ou progreso, terá todos os nomes que queiramos darlle pero o certo é que o andar dos homes e mulleres dende os albores da humanidade consistiu sempre na procura desa equiparación duns e doutros, e chamamos civilización precisamente á eliminación de barreiras, eivas, e condutas culpábeis que impidan esa igualdade. Por iso desexamos para todas e todos un novo ano que nos inclúa a todas e todos, que nos iguale a todas e todos nos maiores logros, e que o ensino público sexa peza clave e produtiva desa equidade futura. E se de paso lle trae algo de sentidiño aos que nos gobernan, sería magnífico.

 BÓ NADAL PARA TOD@S. E FELIZ 2015:

Sem comentários:

Enviar um comentário